A música é unha das liñas de atención preferente da AGADIC, que en 2007 pon en marcha a Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) en colaboración con Clubtura, asociación de salas galegas de música en directo.
O obxectivo desta programación, que no seu primeiro ano de actividade ofreceu preto de 800 concertos a cargo duns 70 grupos en 49 salas de toda Galicia, é lograr a consolidación dun circuíto musical estable que sirva como plataforma de promoción para bandas e artistas de todos os estilos e contribúa a optimizar a súa presenza no territorio galego.
A RGMV representa tamén a materialización dunha liña de actuación longamente demandada polos programadores dos locais que ofrecen música en directo, ao tempo que dota dunha estrutura de distribución sistematizada o sector musical, á que poden acceder tanto formacións emerxentes como outras máis consolidadas.
O proceso de configuración da programación anual da Rede Galega de Música ao Vivo comeza coa apertura dun período de inscrición para os grupos interesados en participar nela, tras o cal cada sala presenta unha proposta de axenda cun mínimo de 8 bandas ou solistas, dos que cando menos un 75% debe corresponder a formacións galegas. Así mesmo, para que un grupo ou solista sexa contratado, necesita ter pechado un mínimo de concertos anuais dentro da programación global.
Dende 2008, a programación da Rede Galega de Música ao Vivo leva o nome de Carlos Humberto Díaz Pérez, en recoñecemento e memoria a un dos impulsores e artífices deste proxecto de difusión musical.