Som do Galpom
Estilo/s: Outros - Funky-reggae-rap
Representante: Xurxo Garcia Climent
Enderezo: Rua iglesia 168-172, 4º b
E-mail:
somdogalpom@yahoo.es
Páxina web:
http://www.somdogalpom.com
O grupo Som do Galpom xa ten 4 anos de idade e moito traballo enriba e detrás dos escenarios. A filosofía desta formación, que naceu en decembro do ano 2005 nunha aldea (A Moniña) de Compostela, segue sendo a mesma. Apostan por un estilo musical diferente e orixinal que refresque os oídos do público que acode aos seus concertos ou escoita o seu primeiro disco Em terra de ninguém. Dende o seu comezo tentan fusionar tres estilos musicais que caracterizan a súa música; eses estilos son o funki, o reggae e o rap. Non teñen unas influencias claras nas que se fixar e, por iso, sempre tiveron a impresión de estar explorando un camiño que non saben onde vai rematar. É una cuestión recurrente nas súas entrevistas falar deste tema xa que a xente trata de poñer referentes ou “etiquetas” a todo grupo que comeza; eles chamaron ao seu estilo peculiar funki-reggae-rap e sempre deixaron patente que querían facer un estilo propio. Tentan escapar de produccións dixitais e prefiren facer todas as súas composicións de xeito analóxico; esta concepción choca moito co feito de que pretendan fusionar diferentes estilos como o rap. Poderíamos pensar en que resulta estrano que non teñan un dj ou unhas bases electrónicas, pola contra, isto é o que os fai máis especiais xa que pretenden facer a súa música con instrumentos tocados coas mans nun século XXI no que o mundo comeza a estar dominado polas máquinas. Outra das premisas desta formación foi o interese que tiñan por tocar moito, en todos os lugares, coa intención de poder chegar ao máximo público posible; para eles non existen os límites e pensan que, en todo caso, os únicos límites que poden ter son os impostos por eles mesmos. É unha música sen prexuízos feita para todos os públicos e que lle pode gustar a unha nena, a un neno, ás mozas, aos mozos, a xente máis maior ou a unha vella de oitenta anos. Sendo consecuentes con estes plantexamentos, a finais do 2009 xa tocaron en máis de 150 ocasións. Calqueira lugar é bo: bares, salas, locais socias, festivais, festas, verbenas... Como sempre se comentou Som do Galpom son músicos 4x4 e 100%. Gozan moito co que fan e síntense orgullosos de poder facelo en calquera circustancia. Teñen editados dous traballos: unha primeira maqueta homónima titulada Som do Galpom que contén 6 temas (maio 2007) e o disco editado por Falcatruada e gravado no estudo Casa de tolos Em terra de ninguém con 13 cortes (marzo 2009). Ademais destes cds tamén aparecen en multitude de recopilatorios xunto a outras bandas galegas. A súa experiencia dentro de estudios de gravación foi moi fructífera até que chegaron a gravar o seu primeiro disco. A nivel externo gozaron de certo recoñecemento con algúns premios en certames musicais que gañaron ou foron finalistas (Terra e lingua, Galiza-crea, Reggae fundation festival, Nsaio no camiño, ...); de feito, gracias a gañar o concurso de Nsaio no camiño chegaron a gravar o primeiro disco do que xa falamos, o primeiro videoclip do tema “Quedamos nesa praza” e facer unha xira por toda a península (Cataluña, País Vasco, Asturias, Madrid, Valencia, Portugal...). Todos os membros da banda seguen tendo as mesmas ganas e a mesma ilusión que os trouxo ata aquí. Isto é o que pasa cando tes a sorte de tocar nun grupo no que todos son partícipes das decisións que se toman nos ensaios de xeito asambleario. Por se non os coñecedes os compoñentes do grupo son: Gael de Esteban (voz), Brais de Esteban (violino e coros), Xurxo García (guitarra clásica e eléctrica), Alejandro Castro “Jano” (baixo e coros) e Aitor García (batería). Son 5 rapaces que tentan transmitir unha mensaxe en clave musical acompañada de moita enerxía que se ve reflectida en cada directo. A música que fai Som do Galpom non deixa a ninguén indiferente e o mellor xeito de podelos evaluar é asistindo a algún dos seus concertos; o grupo medra enriba do escenario polo que, se a música é moi importante, tamén o é a comunicación co público; sentir esa empatía que se crea entre os músicos e a xente. Por outro lado, temos a mensaxe que queren transmitir, xa que o seu discurso non está valdeiro senón cheo de temáticas sociais e de reflexións que cómpre compartir con todo o mundo. Podemos atopar letras que falan do amor, da amizadade, da festa, da infancia... Como tamén sobre a desigualdade social, as migracións, os problemas laborais..., pero sempre abordados dende unha prespectiva positiva. Como vedes este grupo leva unha curta carreira musical que só acaba de comezar aínda que xa teñen unha bagaxe interesante, con case 200 concertos as súas costas. Neste momento, atópanse no comezo dunha nova etapa que os afastará algúns meses dos escenarios. Precisan pecharse no local de ensaio para traballar en novos temas de cara ao ano que vén; convén preparar un novo espectáculo para o ano 2010 no que voltarán percorrer as salas e festivais de Galiza, da península e de parte do estranxeiro. Despois de que tomen ese pequeno respiro terán as pilas cargadas para dalo todo en cada “bolo” e regresar ao seu hábitat natural, o escenario.
Todos coincidiamos en apostar por unha formación innovadora e orixinal que se apoiase nas raíces de tres estilos de música diferentes que, ao mesmo tempo, semellaban moi parellos como son: o funki, o reggae e o rap. De fondo, sentíase o latexo dunha idea que consistía en apoiar toda a nosa música sobre bases totalmente instrumentais. É dicir, pretendíamos dar un paso máis no panorama musical que vivimos neste s. XXI (era das máquinas) deixando de lado as producións electrónicas. O máis importante para este proxecto e a enerxía proxectada en cada concerto, poñendo o corazón en todos e cada un de eles, e xa van perto de 200, entre Galicia, Portugal, Cataluña, Madrid, País Vasco, Alemaña ... Agardamos que gostedes de algo que gostamos en facer....